De “moi positivo”cualifica o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, o resultado da viaxe realizada a semana pasada a Brasil, onde acompañado polo responsable da Área de Internacionalización do campus, Alberto González Garcés, reuniuse con responsables de universidades, centros de investigación e entidades financiadoras de São Paulo, Río de Janeiro e Curitiba-Paraná. “Por unha banda confiamos en pechar un acordo con entidades financiadoras, fundamentalmente o Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico”, para que este lance unha convocatoria específica para a realización de estudos de doutoramento no programa DO*MAR por parte de estudantes brasileiros de xeito que as súas teses sexan coodirixidas entre doutores do Campus de Mar e do seu país”, explica Fernández.
A este obxectivo sumaríase o da concreción de acordos con todas as universidades visitadas para o establecemento de dobres titulacións de doutoramento, “un paso fundamental no proceso de internacionalización dos nosos estudos de posgrao”, sinala o director de Campus do Mar que incide na relevancia das universidades contactadas, destacando a de São Paulo, número 1 de Iberoamérica segundo o último ránking SCIMAGO e situada entre as 100 primeiras do mundo e a Federal de Río de Janeiro que ocupa o posto 5 no mesmo ránking. A materialización destes acordos traduciríase na próxima redacción de convenios, previos ao inicio dos correspondentes trámites.
Aínda que a dimensión dos centros visitados ao longo da pasada semana é moi variable, Emilio Fernández destaca “o elevado nivel científico dos seus profesores e investigadores”, así como o interese espertado por Campus do Mar nun momento de clara expansión no que se atopa Brasil no eido da I+D. “Resultou mesmo sorprendente atoparnos con salas ateigadas de directores de institutos universitarios, coordinadores de programas de doutoramento, responsables de relacións internacionais e mesmo vicerreitores de investigación”, explica Fernández que tamén confirma a “entusiasta” acollida que o Campus recibiu por parte dos investigadores nos centros visitados. Centros e universidades aos que nun futuro poderían sumarse outros xa que “este país de dimensión continental precisa dun esforzo adicional”, asegura o director do Campus do Mar que apunta á necesidade de contactar coa Axencia da Investigación do estado de São Paulo e as dúas universidades de Río Grande do Sul, destinos que poderían materializarse nun futuro no que xa están confirmados visitas a organismos educativos, científicos e institucionais de China, México e Chile.
Fonte: DUVI

