Campus do Mar alíase cos centros de investigación internacionais para demandar un clúster mariño en Europa

1/06/2012
esuarez_campus

O mar proporciona en Europa millóns de empregos e importantes oportunidades de desenvolvemento económico e social. Potenciar, protexer e fortalecer todos os sectores relacionados co eido marítimo é o obxectivo polo que traballan, da man, algunhas das universidades, consorcios e centros de investigación máis punteiro de Europa, entre eles o Campus do Mar. Trátase de unir forzas para que a Unión Europea poña en marcha unha Knowledge and Innovation Community (KIC) mariña. Para iso reuníronse esta semana en Bruxelas representantes das institucións promotoras desta iniciativa con europarlamentarios de España, Portugal, Alemaña e Grecia, entre eles varios galegos. Segundo explica o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, “trasladámoslle a nosa proposta para que sexan eles os que ante a Comisión Europa defendan a necesidade de crear unha KIC-Mariña”, unha agrupación de coñecemento e innovación, centrada no desenvolvemento sostible dos recursos mariños da que formen parte centros de investigación de excelencia, institucións docentes e empresas.

Coa pelota agora no tellado da Comisión Europea, Emilio Fernández, fai unha valoración moi positiva da xuntanza, “porque o Campus do Mar está posicionado cos organismos máis relevantes de Europa a prol deste obxectivo”. O campus de excelencia galego é a única representación española entre os promotores polo que a súa función “debe ser de punta de lanza, debemos enganchar ao resto dos campus de excelencia mariños de España e outros organismo” para que se unan co propósito de acadar este obxectivo.

Na actualidade están en funcionamento tres KIC en Europa, un da enerxía, outro do cambio climático e outro de tecnoloxías da información e comunicación. A Comisión Europea está a preparar a creación doutros seis, pero a temática mariña non está entre eles. A proposta que se lle trasladou aos europarlamentarios na xuntanza desta semana en Bruxelas é a apertura dunha convocatoria para que se presenten propostas e se escollan as seis mellores, de xeito que abra unha porta á creación do KIC-Mariño, “de especial relevancia para o desenvolvemento dos países do sur de Europa”. Destas seis novas propostas, tres delas debería estar en funcionamento o vindeiro ano e outras tres en 2014.

De agora en diante, as institucións que conforman este grupo impulsor xunto con Campus do Mar (Konsortium Deutsche Meeresforschung, Universidade dos Açores, Pôle Mer Bretagne, Schleswig-Holstein, Marine Institute Foras na Mara, Région Pays de la Loire, Bremerhaven, Southampton Marine & Maritime Institute) seguirán traballando ata a vindeira xuntanza no mes de setembro. Neste tempo tentarán seguir sumando apoios e socios, labor que en España lle corresponde a Campus do Mar, e avanzando nas diversas temáticas mariñas que debería incluír a KIC- Mariña.

As potencialidades do mar

A economía marítima en Europa é forte, diversa e altamente descentralizada. A través dunha KIC-Mariña, universidades e centros europeos de investigación poden aportas as súas achegas para situar este sector á vangarda en moitos ámbitos da economía marítima global. Este clúster daría acubillo a unha combinación económica, de excelencia na educación e de I+D, cun enfoque máis centrado e estratéxico, para o desenvolvemento económico marítimo no continente. A idea xurdiu en 2010 e “tendo en conta os debates actuais sobre seguridade dos recursos e o futuro dos océanos, cremos que é o momento adecuado para unha iniciativa concertada europea, baseada nos mellores coñecementos dispoñibles e os máis altos estándares ambientais”, explican dende este grupo. Esta asociación informal de organismos traballa para a inclusión do tema mariño na Axenda de Innovación Estratéxica do EIT (European Institute of Innovation and Technology), porque só “a nivel europeo e con inversión pública se pode poñer en marcha esta iniciativa baseada no coñecemento da empresa comercial”, destacan.

O Campus do Mar, na China

Nos vindeiros días, e despois do fortalecemento da posición do Campus do Mar en Europa, será a quenda da China. O director do campus de excelencia e o director da área de internacionalización, Alberto González-Garcés realizarán no país asiático un programa de xuntanzas e reunión con representantes de cinco das máis importantes universidades e centros de investigación chineses. O obxectivo, como indica Emilio Fernández é dar a coñecer o Campus do Mar nunha da economías emerxentes do mundo. Esta viaxe repite o esquema xa desenvolvido en Brasil, “onde funcionou moi ben e tivemos moi boa acollida”. Pero o director do Campus do Mar vai máis aló e agarda que esta viaxe sirva para establecer vínculos no eido da investigación con estes centros, así como convenios de mobilidade internacional do estudantado. De feito, outro dos obxectivos é captar alumnos e alumnas para ao programa de doutoramento do Campus do Mar e para ouros estudos relacionados co mar.

Fonte: DUVI

Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.