O Campus do Mar da a coñecer o seu potencial en China

7/06/2012
Yantai Institute of Coastal Zone Research

Presentar o potencial do proxecto Campus do Mar e fomentar as colaboracións e sinerxías entre institucións é o obxectivo principal da visita que esta semana están realizando o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, e o director da área de internacionalización, Alberto González-Garcés a China, seguindo co programa de misións a países obxectivo que se contempla na folla de ruta de internacionalización.

A rolda de reunións comezou o luns en Pequín, onde os representantes de Campus do Mar presentaron o proxecto a Mr. Hu Xiaopeng, Subdirector do Departamento de Asuntos Europeos, Asiáticos e Africanos do China Scholarship Council, organismo dependente do Ministerio de Educación responsable da política de bolsas do goberno chinés. Este organismo comprometeuse a actuar de vehículo de difusión de toda a información que se transmita desde o Campus do Mar para a súa distribución no sistema chinés de I+D. Na reunión tamén se tratou a posibilidade de establecer un acordo de intercambio de estudantes, aspecto este que será explorado máis adiante.

Ese mesmo día Emilio Fernández e Alberto González-Garcés tamén coñeceron o Center for Ocean Research, da Universidade de Pequín, onde foron recibidos por un dos seus responsables, Mr. Liu Xiaopeng.

A misión continuou o martes na cidade de Yantai, á beira do Mar Amarelo, onde visitaron o Institute of Coastal Zone Research. Ademais de realizar unha extensa presentación do Campus do Mar ao claustro de investigadores deste centro, Fernández e González-Garcés, reuníronse co Dr. Tang Chen, subdirector do centro co que acordaron explorar accións de cooperación. Neste sentido, acordouse iniciar un traballo de coñecemento mutuo dos investigadores deste instituto e do Campus do Mar mediante intercambio de información acerca das liñas de investigación, a participación de investigadores deste centro no ciclo de conferencias do Campus do Mar e mediante visitas directas destes investigadores ao campus de excelencia mariño.

Visita en setembro de representantes da OUCQ ao Campus do Mar
Continuando co intenso programa de encontros, onte mércores, os representantes de Campus do Mar desplazáronse ata a Ocean University of China en Qingdao, un centro de referencia en temas mariños con intensas relacións internacionais. No encontro, que se prolongou durante máis de 5 horas, acordouse que unha delegación desta universidade visite Vigo no mes de setembro para concretar as accións a desenvolver conxuntamente entre ambas as partes, en particular o intercambio de estudantes e exploración de proxectos de colaboracións entre investigadores.

Xiamen foi a seguinte parada da expedición de Campus do Mar onde mantiveron unha reunión co director do State Key Laboratory of Marine Environmental Science da Universidade de Xiamen, o profesor Minhan Dai e cos líderes dos diferentes grupos de investigación do instituto no que estes expuxeron as liñas de traballo principais que están desenvolvendo.

Nesta reuníón, na que se realizou unha detallada presentación do Campus do Mar aos asistentes, estivo tamén presente o Profesor Xiong-Zhi Xue, director do Coastal Ocean Management Institute da mesma universidade, e que xa participara como conferenciante do programa de conferencias internacional do Campus do Mar.


Para finalizar a visita, procedeuse á firma dun memorandum de entendemento entre o State Key Laboratory e o Campus do Mar, no que se fixan as bases para pór en marcha unha cooperación sostida no tempo no marco do intercambio de estudantes de posgrao, a organización de actividades conxuntas de formación e a interacción entre investigadores de ambas as organizacións.

Acordouse establecer unha canle áxil de intercambio de información entre ambas as organizacións no ámbito docente e investigador e o inicio nos próximos meses da definición dun programa concreto de actividades conxuntas de face ao ano 2013.

A misión de presentación e promoción do Campus do Mar estenderase durante toda a semana con visitas a centros de investigación en Guangzhou e Hong Kong onde se espera seguir aumentando a rede de contactos internacionais e continuar coa boa acollida que ata agora está tendo o proxecto.

Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.