Ciclo de Charlas e Mesas de Debate sobre "Avances en Acuicultura"

Días 4, 5, 10, 11, 12, 17 e 19 de novembro as 19,00 horas

Salón de Actos - Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)
Rúa do Vilar, 54 – SANTIAGO DE COMPOSTELA

A acuicultura é unha actividade que abrangue moi variadas prácticas e unha ampla gama de especies, sistemas e técnicas de produción. A FAO estima que antes de 2030 máis do 65% dos alimentos consumidos en todo o mundo procederán da acuicultura.

Nos últimos 50 anos converteuse nunha actividade socioeconómica relevante, dando emprego a máis de 12 millóns de persoas no mundo. Podemos dicir que o éxito da acuicultura moderna se basea nos grandes logros xa alcanzados por este sector na xestión da bioloxía das especies cultivadas, na introdución de innovacións científico-técnicas, no desenvolvemento de alimentos específicos e no control da sanidade das especies cultivadas.

Estes avances alcanzados na actualidade revelan non só a vitalidade da acuicultura como técnica produtiva, senón tamén a capacidade de innovación, emprendemento e aproveitamento sostible dos recursos dispoñibles.

Con este motivo a Real Academia Galega das Ciencias, en colaboración coa CEG, pon en marcha este ciclo de conferencias e mesas de debate que servirá como punto de encontro entre a investigación e a empresa e que contribuirá a poñer en valor e dar a coñecer os logros nesta actividade.

>> Programa das xornadas