Encontro para desenvolvedores de aplicacións para móbiles e webs sobre meteoroloxía organizada polo CESGA

O workshop está organizado dentro do proxecto RAIA.co e pretende promover o aproveitamento dos datos que ofrece MeteoGalicia

Xoves, 25 de outubro na sede do Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago

Usuarios avanzados como membros de grupos de investigación universitarios e desenvolvedores interesados en crear novas aplicacións para móbiles ou webs a partir dos datos que publica MeteoGalicia teñen unha cita obrigada na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) o xoves 25 de outubro.

O Workshop RAIA.co para desenvolvedores de aplicacións para móbiles e webs dará a coñecer a visión da Xunta de Galicia sobre a información pública xeorreferenciada e as claves de varios servizos xeorreferenciados en meteoroloxía e oceanografía en Galicia, así como o funcionamento dos servidores THREDDS (Thematic Realtime Environmental Distributed Data Service), unha ferramenta de conectividade entre provedores de datos científicos e posibles usuarios finais. A través desta ferramenta permítese o acceso público a datos de modelos operacionais coma os de MeteoGalicia ou os do proxecto MyOcean de Puertos del Estado, datos arquivados e datos externos doutros sistemas.

 

Aplicacións para móbil e web

Representantes de institucións e empresas que desenvolveron webs especializadas ou aplicacións para móbil como MeteoSIX (MeteoGalicia), que permiten consultar predicións ou datos de observación meteorolóxicos e oceanográficos expoñerán a continuación as características dos seus traballos, concluíndo a xornada cunha mesa redonda na que se abordarán as oportunidades de negocio e emprendemento empresarial que poden achegar as coleccións de datos abertos que están publicando distintas administracións.

 

Sobre o proxecto RAIA.co

O proxecto Interreg RAIA.co, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica, está coordinado por MeteoGalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, e nel tamén participan o Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC), o Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

RAIAco busca dotar a MeteoGalicia dunha Infraestructura de Datos Espaciais (IDE) para o acceso a datos meteorolóxicos e oceanográficos e crear canles de acceso á información adecuados para o maior número posible de usuarios.