Reflexionando sobre unha nova cultura do uso do mar

26/10/2015
bo_uso_2015_1

Concienciar a aqueles e aquelas que o día de mañá se dedicarán a formar ás novas xeracións da importancia dos océanos na sustentabilidade do planeta é o propósito central das xornadas Bo uso e mal uso do mar, que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte promove este luns xunto co Campus do Mar e o Consello da Cultura Galega. A través de diferentes relatorios e obradoiros, esta iniciativa busca afondar na necesidade de promover unha “nova cultura do uso do mar”, como salientou na súa inauguración o coordinador da sección Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, quen defendeu a importancia dun labor educativo que permita facer que todo o coñecemento científico xerado arredor dos océanos “tamén sexa participado polo que son os protagonistas do seu uso”.

“Para Galicia o mar ten unha importancia vital”, engadiu nese mesmo a profesora María Álvárez Lires, coordinadora dunhas xornadas que tratan de amosar “cales son as boas e malas prácticas”, co propósito de que os profesores e profesoras do día de mañá “actúen en favor do medio ambiente”. Para iso, este seminario, que está ser retransmitido por CampusdomarTV, combinou os relatorios da catedrática da Universidade de Umeå (Suecia) Nora Rhätzell, da investigadora do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas de Cabo Verde Elisia Silva e do catedrático da Universidade de Surrey (Reino Unido) David Uzzell, coa instalación na facultade dos obradoiros do programa Mergúllate no Océano, do Campus do Mar. De aí que o vicerreitor Juan Manuel Corbacho fixese énfase no carácter transversal e internacional desta xornada, “dous dos grandes eixos do noso proxecto de especialización Campus CREA”, nun acto inaugural no que tamén estiveron presentes o director do Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar, Emilio Fernández, e o decano, Vicente Romo.

Mergúllate no Océano Bo uso do mar

Como achegar o cambio climático á realidade local

Xunto coas diferentes actividades que tiveron lugar na facultade, esta xornada completase co relatorio que esta tarde imparte na Casa das Campás o catedrático de Psicoloxía Ambiental David Uzzell, quen tratará de dar resposta á pregunta de por que coñecer as consecuencias do cambio climático non provoca cambios no comportamento da cidadanía. “Temos que facer o cambio climático real para a xente, comunicarlle os seus serios efectos dunha forma persoal, inmediata, local e concreta”, salienta este investigador, para quen “a xente tende a pensar que o cambio climático si terá un grande efecto a nivel global, pero non uns efectos significativos localmente”. De aí que este investigador británico poña o acento na necesidade de desenvolver “políticas e accións que conciencien á cidadanía de que temos que actuar nos nosos propios barrios ou nos nosos centros de traballo”, para o que considera preciso un labor de comunicación co que facer chegar á xente como “vai afectar as súas vidas ou aos seus traballos”.

“Estamos a falar todo o tempo sobre o que pasará dentro de 40 anos e a xente que non sabe se vai estar no paro a vindeira semana non pensa a 40 anos vista”, engadiu este profesor, quen no seu relatorio proporá exemplos concretos, como os lumes forestais ou as inundacións, coa idea de amosar como os “episodios climatolóxicos extremos, que están a suceder dunha forma máis frecuente e intensa, teñen unhas consecuencias” directas na vida das persoas. Nesa mesma liña, Uzzell avoga tamén por concienciar á cidadanía de que as actuacións que poden realizar para combater o cambio climático non teñen porque ser vistas como “un cambio no seu estilo de vida polo que terán que deixar de facer cousas”, senón como un cambio “que pode levalos a unha vida mellor e máis saudable”.

A importancia de promover un desenvolvemento sostible centrou así mesmo o relatorio de Nora Rhätzell, centrado en afondar nas relacións entre a natureza e o mundo do traballo a partires das entrevistas que realizou a 120 responsables sindicais de diferentes países. Nese senso, esta catedrática de Socioloxía defendeu que “os seres humanos teñen que pensarse como parte da natureza, non como algo alleo” e o traballo como un proceso que implica “unha transformación constante da natureza”. Partindo destas ideas, Rhätzell presentou ao alumnado tres formas de entender esa relación entre traballo e medio ambiente; a tecnolóxica, que ve a natureza “como unha fonte de recursos” e que é máis frecuente cando “non existe ningunha forma de relación entre o traballo e os recursos naturais que se están a utilizar”; a antropocéntrica, que aborda esa relación “desde o punto de vista das necesidades humanas”; e a holística, que promove “unha alianza de traballo e natureza”, pola que é preciso “cambiar as relacións sociais de produción”.

O mar con perspectiva de xénero

Outro dos obxectivos da segunda edición de Bo uso e mal uso do mar era abordar a conservación dos océanos desde unha perspectiva de xénero, grazas á participación da investigadora caboverdiana Elisia Silva, que afondou nos efectos que tivo no seu país non ter en conta a realidade das mulleres nas políticas pesqueiras. “É moi importante concienciar de que todos temos o mesmo dereito de acceso a eses recursos”, salientou Silva da Cruz, que incidiu en que, a pesares diso, homes e mulleres xogan neste eido roles diferenciados. “Por exemplo, a muller ten un papel máis relacionado coa comercialización ou máis vinculado coa recollida de marisco”, salientou a investigadora, que incidiu neste senso, en que, se ben a muller xoga “un papel importante no mundo da pesca, este non é visible”.

Nese senso, Silva relatou experiencia vivida no seu país, onde “políticas que non contemplaban á muller causáronnos danos a nivel ambiental”. Segundo apuntou, o feito de que non se tivese en conta a realidade das mulleres nas comunidades pesqueiras motivou “que para ter unha actividade económica, debido ao problema de pobreza que existe no noso país, tivesen moitas veces que recoller e vender especies en veda”. Faltaban, engadiu, “tanto o coñecemento das especies como alternativas de emprego”, motivo polo que o labor de formación e sensibilización realizado posteriormente, así como “a integración da muller en diferentes ámbitos”, trouxeron consigo “un impacto positivo no medio ambiente e na calidade de vida da comunidade”.

Mergúllate no Océano Campus do Mar bo uso do mar

Fonte: DUVI