Europa busca modelos educativos para concienciar á mocidade das consecuencias do cambio climático nos océanos

18/11/2016
EDUCO2CEAN reunión de lanzamiento

Crear diferente material didáctico multilingüe co que concienciar á mocidade da importancia da investigación sobre os impactos e a mitigación do cambio climático nos océanos. Este é o obxectivo que teñen por diante un grupo de científicos e docentes de España, Portugal, Gran Bretaña e Polonia, os sete socios que forman parte do proxecto Educo2Cean-STS (Education models to transmit to society the challenge of global change in the ocean) financiado pola Unión Europea con 250.000 euros na convocatoria ERASMUS+ e dos que o Campus do Mar é o socio español xunto aos institutos de ensino secundario Ribeira do Louro de Porriño e o Virxe do Mar de Noia.

Coordinado pola Asociación Portuguesa de Educación Ambiental, esta semana tivo lugar en Porriño e Vigo a reunión de lanzamento do proxecto, un encontro no que, ademais de coñecerse persoalmente, socios e socias tiveron a oportunidade de ir deseñando as diferentes accións que se van levar a cabo e establecendo un calendario de actuacións. Deulles a benvida o vicerreitor de Relacións Internacionais e Extensión Universitaria, Manuel Fernández Iglesias, que fixo fincapé na importancia de que dende Europa se faga ese “esforzo de concienciación” da xuventude nun tema “clave” para futuro da sociedade, “sobre todo co recente triunfo electoral de Donald Trump en Estados Unidos, vitoria que nos leva a pensar que o cambio climático vai sufrir ataques evidentes”.

O principal labor das científicas e científicos do Campus do Mar, ademais de coordinar o grupo de comunicación e difusión, céntrase en identificar información relevante sobre o cambio climático, datos que serán empregados para xerar contidos cos que ilustrar o proceso do cambio climático nas clases de secundaria. “En definitiva trátase de crear modelos educativos que trasladen o coñecemento xerado nas universidades ás aulas dos institutos”, recalcou o vicerreitor.

Libros, revistas, campamentos internacionais…

Os socios do proxecto, de dous anos de duración, planean crear un libro de texto con carácter global, aplicable en calquera sistema educativo europeo, que se publicaría tanto en formato papel como electrónico e estaría dispoñible nos diferentes idiomas dos países participantes. “A súa estrutura sería interdisciplinar e os seus contidos incluirán todo o coñecemento científico contemporáneo relacionado co cambio climático no océano”, explicaron na xuntanza.

A idea é lanzar tamén unha revista electrónica e un sitio web no que todos os estudantes poidan participar, o que, desde o punto de vista dos impulsores do proxecto, axudará a conciencialos sobre a relevancia de investigar e traballar a prol da sustentabilidade dos océanos. A maiores sumaranse outras iniciativas como congresos virtuais, campus xuvenís internacionais, seminarios para os docentes, produción de vídeos,etc.

Alumnado preuniversitario, principal destinatario do proxecto

O alumnado de educación preuniversitaria é o principal destinatario deste proxecto, xa que a eles se dirixe todo o material que se vai desenvolver e son eles os que terán a oportunidade de presentar as súas comunicacións no congreso xuvenil, participar nas comunidades 2.0 e mellorar as súas habilidades científicas e de comunicación no campamento de verán, así como coñecer outras prácticas e culturas participando en programas de intercambio cos demais países participantes no proxecto.

Ademais do estudantado, os docentes do ensino medio serán tamén os destinatarios de diferentes accións de formación dirixidas a dotalos dos coñecementos necesarios para transmitir ao seu alumnado as competencias clave.

Fonte: DUVI