Xa está aquí a edición de primavera do CampusMar Life - Augaventura

26/03/2017
kayak campusmar life

Coa chegada da primavera volve Augaventura-Campus Mar Life, o programa de actividades deportivas acuáticas que a Área de Benestar, Saúde e Deporte e o Campus do Mar poñen en marcha cada outono e cada primavera dende hai seis anos, para ofrecer a todos os membros da comunidade universitaria a posibilidade de desenvolver e poñer en práctica as súas habilidades deportivas no medio mariño. A participación na iniciativa medra edición a edición coa introdución de novas actividades, de xeito que 263 persoas, 94 na edición de outono e 169 na convocatoria de primavera, foron as que se inscribiron en Augaventura o curso pasado. E a cifra vai en aumento xa que só na edición de outono do presente curso académico, 163 persoas participaron no programa.

A acollida das actividades ten un grande éxito, sobre todo entre o alumnado da Universidade, “de feito o 90% dos participantes son estudantes”, explica Alexandre Sanjorge, técnico especialista en actividades deportivas, “aínda que están dirixidas tamén a PDI e PAS”. O programa que comezará o 31 de marzo e que se estenderá durante todo o mes de abril, case sempre en fin de semana, ten un prezo reducido para os voluntarios do Campus do Mar e os usuarios e usuarias da Tarxeta Universitaria.
A data de inscrición e matrícula varía dependendo da actividade e do grupo no que as persoas participantes desexe anotarse. Os prazos correspondentes a cada actividade están disponibles aquí, onde os e as interesadas poderán formalizar tamén á matrícula, así como o pagamento que poderá facerse en liña ou de xeito presencial nas entidades bancarias colaboradoras.

Flyboard Campusmar Life

Co bo tempo chega o paddlesurf

Flyboard, rafting, surf, wakeboard, windsurf e paddlesurf, novidade na programación desta primavera, son as actividades propostas, xunto coa tradicional ruta á Illa de San Simón que combina kaiak, snorkel e unha andaina. O paddlesurf é unha modalidade deportiva na que as e os participantes se desprazan coa axuda dun remo sobre unha táboa de surf e a aprendizaxe correrá a cargo da empresa Marexada nas proximidades da illa de Toralla e no río Lérez. Trátase dunha actividade de dificultade baixa e cunha duración aproximada de tres horas, na que se aproveitará para facer unha visita pola contorna de ambas localizacións. A actividade está programada para os sábados 22 e 29 de abril. “Agárdase que teña éxito xa que todo aquelo relacionado co surf soe ter boa acollida”, explica Sanjorge.

Outra das novidades que xa se introduciu en setembro foi o wakeboard ou esquí acuático sobre táboa, un deporte que deixou boas sensacións nas persoas que o practicaron e que oferta dous grupos para esta convocatoria, un no Club Naútico de Moaña e outro no Liceo Marítimo de Bouzas, da man da empresa Tierra y Mar.

Surf e rafting, as actividades máis demandadas

“Os bautismos de surf son unha das actividades máis demandadas de Augaventura”, sinala o técnico de actividades deportivas, “pero tamén o rafting enche sempre o máximo permitido”. A praia de Patos en Nigrán e o río Miño ao seu paso pola localidade de Arbo son os escenarios escollidos para o desenvolvemento destas actividades.
Tamén o flyboard, que comezou a ofertarse na primavera do ano pasado, comeza a despuntar, polo que se decidiu organizar dous grupos, localizados en Raxó e Bouzas coa intención de facilitar ao alumnado pontevedrés o desprazamento.

Fonte: DUVI/Campus do Mar/Área de Benestar e Saúde