Para frear o cambio climático é preciso desligar benestar de crecemento

29/03/2017
Emilio Fernandez en Ciencias de la Educación

A mitigación dos efectos do cambio ambiental global é compatible cun modelo económico sustentado no crecemento? Esta é a reflexión que o catedrático de Ecoloxía e director do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar, Emilio Fernández, tentou promover este martes entre o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “Temos un modelo económico que se sustenta en queimar combustible, sempre que falamos de crecemento falamos de aumentar as emisións”, opina este catedrático, para quen o “gran reto” á hora de mitigar os impactos do cambio climático, pasa por “atopar un novo modelo” económico no que o benestar da cidadanía “non estea asociado ao incremento do consumo”.

Nunha actividade promovida pola Área de Didáctica das Ciencias Experimentais e na que o conferenciante foi presentado pola profesora María Álvarez Lires, Fernández buscou “facer reflexionar aos estudantes sobre a situación actual”, a través dunha serie de datos e argumentos respecto dos efectos deste “cambio de magnitudes globais”. Así, a actividade comezou coa proxección dun vídeo “no que se representa a evolución da cantidade de gas responsable do efecto invernadoiro que hai na atmosfera desde hai 800.000 anos”, para logo introducir tamén ao alumnado en experiencias máis próximas, “como un traballo que fixemos na ría de Vigo”, onde os investigadores da Universidade compararon as especies de algas existentes hai 40 anos coas actuais e constataron “que as especies características de augas frías marcharan”, co propósito de “poñer en evidencia a carón da casa” o que é un dos efectos asociados ao cambio de temperatura no mar. Mais con ese mesmo propósito, Fernández tamén achegou ao alumnado algúns dos argumentos “dos que se denominan escépticos, para intentar facerlles ver que ese escepticismo non ten sustento científico”, así como algunhas proxeccións de futuro, escenarios que, como explica, “en ningún dos casos supoñen melloras respecto da situación presente”.

O reto de atopar un novo modelo

Deste xeito, o propósito deste coloquio era que o alumnado respondese a esa pregunta de ese “modelo económico que se construíu a escala mundial é compatible con accións que poidan reducir os impactos” deste cambio ambiental que, no seu caso, ten unha resposta negativa. “Os modelos económicos actuais están baseados na premisa de que os recursos son ilimitados e iso non é certo”, salienta este catedrático, quen amosou nesta actividade unha serie de datos “que amosan que a acumulación de gases de efecto invernadoiro na atmosfera está absolutamente relacionada co incremento do PIB”.

Partindo desa idea, Fernández tamén incidiu nos causantes desa situación, para abrir de novo un debate respecto do país con maiores emisións na actualidade, China. “Agora mesmo hai unha tendencia en parte dos países máis desenvolvidos de atribuír responsabilidades a China, pero unha parte importante das súas emisións está relacionada con produtos que consumimos en Occidente”, engade este docente, para quen é preciso atopar un novo modelo económico non sustentado no “crecemento continuo”. Un cambio modelo que, como lembra, xa veñen formulando moitos economistas “porque o actual está sustentado no pasado non no presente” e un modelo que, engade, “temos que inventar, porque aínda non existe”, aspecto no que ao seu xuízo a educación terá un papel especialmente relevante á hora de ir máis aló de medidas de eficiencia enerxética ou “actitudes persoais” e rachar “coa dinámica de que benestar é igual a crecemento”.

Fonte: DUVI