Especialistas de seis países debaten en Vigo sobre a protección dos ecosistemas mariños e costeiros

23/06/2017
reunion_ecomar_vigo_junio_2017_2

Os países de América Latina e o Caribe concentran máis do 40% da biodiversidade do planeta, sendo unha das áreas bioloxicamente máis diversas do mundo, incluíndo entre as zonas de especial interese os ecosistemas mariños e costeiros. Sen embargo, tan só o 5% dos estudos centrados neste eido desenvolvidos internacionalmente se centran nesta rexión. Para cubrir este baleiro, en xaneiro púxose en marcha o proxecto Ecomar, unha rede internacional da que forman parte organismos de investigación de seis países: España, Portugal, Brasil, Perú, Colombia e México, entre eles a Universidade de Vigo e o Campus do Mar.

Tras unha reunión inicial que tivo lugar a comezos de ano en Vigo, este xoves e venres o campus acolle a primeira xuntanza anual de coordinación de Ecomar, na que participan 23 investigadoras e investigadoras de seis países de Iberoamérica. Ecomar (Evaluación y monitoreo de servicios ecosistémicos marino-costeros) ten como obxectivo promover a investigación e a cooperación científica e técnica relacionada coas áreas naturais protexidas que permitan mellorar a xestión das áreas así como a xeración de alianzas estratéxicas e mecanismos de coordinación e a divulgación de modelos de xestión exitosos baseados na avaliación de servizos ecosistémicos mariño-costeiros (SEMC) nos países de Iberoamérica, nun contexto de cambio global. Na rede participan tres investigadores asociados a Campus do Mar, Elena Ojea e Elsa Vázquez por parte da Universidade de Vigo e Sebastián Villasante, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, que é tamén o coordinador da rede.

No acto de apertura desta xuntanza o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, fixo fincapé na implicación da institución académica e do Campus do Mar na conservación do medio ambiente e dos ecosistemas, especialmente os mariños, remarcando que “temos moi interiorizado o leitmotiv desta rede de traballo, cremos que unha das cuestións que vai garantir o futuro é conservar o valor do espazo natural, dos ecosistemas, e saber como xestionalos”. Mato destacou a relevancia de poder formar parte desta rede, un proxecto internacional que definiu como un “cruce de experiencias que nos permitirá mellorar, orientar ás nosas administracións e investigar para poder precisar como xestionar o espazo que temos nun contexto de progreso rápido e acelerado; isto é algo que temos moi ligado ao noso ADN, á nosa forma de entender a Universidade”. Pola súa banda, Elsa Vázquez, directora del área de Docencia e Captación de Talento do Campus do Mar, fixo unha presentación do campus de excelencia, organismo encargado de coordinar a rede Ecomar. Destacou o carácter transversal, interdisciplinar e eurorrexional do Campus do Mar, “porque o mar non ten fronteiras” e engadiu que agora, coa posta en marcha desta rede, “estendemos estas fronteiras un pouco máis, cara América Latina”.

Entre este xoves e venres os membros da rede debaterán sobre os obxectivos, a planificación e as actividades da rede ao tempo que terán lugar tamén presentacións científicas e seleccionaranse os casos de estudo por cada socio. Nesta xuntanza participan representantes do Centro de Investigación Científica y de Educación Superior de Ensenada, de México; Universidad Federal Rio Grande do Norte, de Brasil; Universidad del Magdalena, en Colombia; Instituto del Mar de Perú; o CSIC; as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Coruña e Aveiro, a Fundación Lonxanet, o Campus do Mar e o Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa.
Red Cyted Ecomar Campus do Mar

Unha rede pioneira

Esta rede temática foi unha das 15 seleccionadas na Asemblea Xeral de CYTED en decembro para ser financiadas por un máximo de catro anos. Ecomar é a primeira iniciativa deste tipo, centrada en identificar, seleccionar e desenvolver protocolos de operacionalización dos servizos ecosistémicos mariño-costeiros, centrándose nos hábitats e actividades humanas claves en cada un dos casos de estudo. Ata 2020 investigadores de diferentes ámbitos do coñecemento como antropoloxía, bioloxía, ecoloxía e economía das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e de especialistas, representantes de ONGs, administracións e a industria no Brasil, Chile, Colombia, España, México, Perú, Portugal e Venezuela traballarán para intercambiar coñecementos e avanzar na protección destes ecosistemas mariño-terrestres.

Entre os obxectivos desta rede está a ampliación do coñecemento sobre as áreas naturais protexidas e os seus sistemas de xestión e conservación, avances que serán de grande utilidade tanto para a comunidade científica como para as institucións e as empresas da contorna e a sociedade en xeral. Un dos piares fundamentais do proxecto é tamén o intercambio de coñecemento científicos entre as institución parceiras de Europa e Latinoamérica. Paralelamente, os socios da rede traballarán tamén na difusión dos resultados e na formación a través do deseño dunha oferta académica e de I+D que inclúe a posta en marcha dun curso de doutoramento especificamente deseñado que será impartido a modo piloto no Programa de doutoramento do Campus do Mar e que será no futuro transferido a outras universidades.

Fonte: DUVI / Campus do Mar