O futuro da investigación mariña arriba ao Campus do Mar

3/07/2017
a1

Castela a Mancha, Valencia, Madrid, Andalucía, Aragón, Estremadura e Euskadi, son algunhas das 10 comunidades de orixe dos 120 estudantes de 4º de Secundaria e de 1º de Bacharelato, que desde hoxe e ata o vindeiro 29 de xullo, participarán na sétima edición do programa Campus Científicos de Verán organizado por Campus do Mar, xunto coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, Fecyt, en colaboración coa Fundación La Caixa. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foi o encargado esta mañá de darlles a benvida ao campus vigués á primeira das catro quendas de estudantes, que ata final de mes traballarán cóbado con cóbado cunha decena de grupos de investigación da institución académica e do Instituto Español de Oceanografía no desenvolvemento dos seus respectivos proxectos, que presentarán ao rematar a semana. “Vigo é o epicentro do Campus do Mar, onde se dá cita a maior concentración de científicos mariños por metro cadrado de toda Europa”, dixo o reitor, que animou ao alumnado a participar das actividades deseñadas para “namorarse do mar e que o elixades para que sexa o voso futuro profesional”.

O director de Campus do Mar, Emilio Fernández, foi o encargado de presentarlle o reitor ao estudantado que tomará parte na primeira quenda do campus de verán, “que aposta polo fomento das vocacións científicas entre as rapazas e rapaces, facendo especial fincapé nas áreas que abrangue o Campus de Excelencia mariño”, explicou Fernández en relación con esta iniciativa que ofrece ás e aos participantes a oportunidade dun contacto directo co labor diario das e dos investigadores da Universidade. Xunto ao persoal docente e investigador de Campus do Mar, un equipo da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra asesorará ás e aos rapaces na presentación dos resultados que realizarán ao finalizar a súa estadía.

img_3813

Un programa repleto de ciencia e de actividades de lecer

Máis de 1900 mozas e mozos foron seleccionados esta edición para participar nos 16 campus de excelencia internacional que se desenvolven en todo o Estado. Un ano máis foron os mellores expedientes académicos e o interese pola ciencia amosada polas súas e os seus posuidores o que determinou a elección das e dos participantes, que no caso de Campus do Mar quedaron repartidos en catro quendas de 30 estudantes cada unha. En cada un dos catro grupos o alumnado divídese en catro proxectos de achegamento científico, no que traballarán durante toda a semana para o último día facer unha presentación dos resultados da súa experiencia.

No proxecto Unha praia: moito máis que area e mar, as e os estudantes abordarán o ámbito da oceanografía xeolóxica, combinando a recollida de mostras en praias do Val Miñor coa súa análise en laboratorios do campus. En Os fondos mariños. Quen vive aí?, realizarán unha pequena campaña oceanográfica a bordo do barco da Ecimat, Kraken, co obxectivo de coñecer as técnicas básicas de observación, identificación de organismos mariños que viven na columna de auga e nos fondos, ao tempo que poderán aprender a relacionar a vida mariña co medio e entender a importancia que teñen no bo funcionamento do ecosistema. O proxecto E ti, De quen es? céntrase na identificación de especies comerciais e nel, as e os participantes, baseándose na pegada de ADN identificarán especies nun ecosistema mariño e determinarán a variación xenética de cada unha das especies. Pola súa banda, Invádennos! E agora que? céntrase na botánica e permitirá ao estudantado coñecer as especies que poboan os areais da contorna e transmitir o concepto de cambio global e da importancia do impacto das invasións biolóxicas sobre a biodiversidade.

O traballo das mañás nos laboratorios e as saídas de campo cos grupos de investigación da Universidade e do Instituto Español de Oceanografía, combinarase polas tardes con obradoiros, actividades de lecer e deporte, como un bautismo de surf na praia de Patos (Nigrán), e visitas ao museo do Mar.

img_3805

Fonte: DUVI / Campus do Mar