O Programa EMPREAMAR celebra o comezo da primeira preincubadora de Moaña

7/07/2017
empreamar-moana-09

O Programa EMPREAMAR é un programa integral de emprendemento mariño promovido polo Concello de Moaña e o Campus do Mar, coa Financiación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP7, entidade xestora na zona xunto coa Conselleria do Mar da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo da Pesca.

O programa  divídese en catro fases, das que xa tiveron lugar as tres primeiras. A primeira fase consistiu en unha serie de accións formativas de reforzo de capacidades para o emprendemento na que as persoas participantes adquiriron os coñecementos e recursos necesarios para o emprendemento; a segunda fase adicouse á identificación de ideas de negocio sostibles, e a terceira fase, que rematou onte, baseouse na  selección de ideas de negocio, na que as persoas participantes redactaron co apoio de titorización personalizada unha memoria escrita sobre a súa idea emprendedora e a presentaron ao concurso propio do programa. Un tribunal, composto por persoas especialistas en temática mariña-costeira e en desenvolvemento empresarial elixiu de entre as 10 propostas presentadas a concurso as 6 con maior potencial para ser as beneficiarias da fase 4 que comezará a vindeira semana, a fase de Preincubadora.

O Programa clausurou onte no Salón de Plenos do Concello de Moaña a súa terceira fase co acto de entrega de diplomas a tódalas persoas participantes e coa entrega dunhas chaves simbólicas ás persoas gañadoras do Concurso, que pasarán á fase 4 de Preincubadora. O acto contou coa presenza de Emilio Fernández Suárez, Director do CEI Campus do Mar e de Leticia Santos Paz, Alcaldesa do Concello de Moaña, que fixeron entrega das chaves e dos diplomas ás persoas participantes.

empreamar_llaves_4

A continuación tivo lugar unha mesa redonda e un posterior debate sobre as oportunidades de negocio e emprendemento baseadas no aproveitamento dos recursos mariño-costeiros da contorna de Moaña. Esta mesa redonda contou coa participación de Coral Ríos, Concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Moaña; Antonio García Allut, Profesor Titular da Universidade de A Coruña; Eugenio Piñeiro, representante da Asociación Cultural Meiramar Axóuxeres; Jose Barreiro, representante do Náutico de Moaña e María Núñez, representante da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO).

A partires da vindeira semana, as persoas promotoras dos 6 proxectos seleccionados, desfrutarán ao longo de varios meses dunha Preincubadora na que terán á súa disposición un espazo de traballo facilitado polo Concello de Moaña,  titorización para a redacción dos seus plans de negocio, así como asesoramento científico-técnico da man de persoal especialista do ecosistema da I+D+i mariña de Galicia, para poder así poñer en marcha e sacar adiante os seus negocios e comezar a súa nova andaina profesional no territorio moañés.