O Programa de divulgación científica mariña “Mergúllate no Océano” volve este verán ás praias galegas

11/08/2017
Mergúllate no Océano

Esta fin de semana, 12 e 13 de agosto, o Mergúllate no Océano comezará o seu percorrido científico na praia da Xunqueira, no Concello de Moaña; para continuar os días 19 e 20 no parque da Palma de Baiona, ao carón da Praia de Ribeira; e rematar o último fin de semana na praia do Vao en Vigo, dende o venres 25 ata o domingo 27.

O Programa “Mergúllate no Océano” busca aproximar os segredos do medio mariño dunha forma entretida e accesible para tódolos públicos. No recinto do programa “Mergúllate no Océano” podense atopar obradoiros de entre 5 e 10 minutos de duración que, gracias a uns monitores e monitoras expertos/as nas ciencias mariñas, achegarán a público de todas as idades dun xeito divertido coñecementos de ciencia mariña tales como a formación das ondas ou as dunas, os misterios que agocha un gran de area, a procedencia dos peixes que atopamos no mercado, como son as comunicacións entre barcos, a problemática da acidificación mariña ou que é un otolito, entre outros.

Tanto adultos coma cativos desfrutarán nestes obradoiros promovidos polo Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar dun tempo de lecer e de coñecemento, selando un “pasaporte científico” que lles permitirá obter un pequeno agasallo ao completar as actividades do percorrido.

Esta actividade de divulgación científica mariña resultou moi exitosa ao longo de tódalas súas edicións e afianzouse pola súa elevada calidade e rigorosidade como unha das iniciativas de divulgación científica mariña máis importante de todo o panorama nacional.

Mergúllate no Océano 2017- Campus do Mar