70 voluntarias e voluntarios recollen máis de 200 quilos de lixo en praias da ría de Vigo

15/11/2017
praia1

De Ribadeo a Baiona, pasando por Muxía, O Grove e Porto de Son, decenas de persoas participaron a pasada fin de semana na xornada de limpeza simultánea de praias organizada por Adega, o Centro Singular de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo e Campus do Mar e que se saldou coa recollida de máis de 1000 quilos de desperdicios, dos que máis de 200 corresponden aos tres areais da ría de Vigo nos que se desenvolveu a iniciativa. “No caso da ría de Vigo o número de voluntarios foi de 19 na Praia da Ladeira en Baiona, 22 en Arnedo e a Xunqueira en Moaña e 30 Panxón, en Nigrán. En cada concello houbo entre dous e tres coordinadores, formados en nunha xornadas previas, e outras dúas ou tres persoas en representación de cada un dos concellos”, explica Alba Hernández, técnica do Centro Singular de Investigacións Mariñas.

Nas praias de Arnedo e Xunqueira en Moaña, as e os voluntarios recolleron 82 quilos de lixo, dos que un 55% corresponden a material de construción (sacos de plástico, arxilas, escuma illante, poliespán); 20% cabichas e bastoncillos; 10% cristais, cordas e atadeiras e 5% envases, tapóns de botellas e plásticos. A vintena de persoas que tomaron parte na recollida de desperdicios, manifestaron o seu desexo de volver a participar en vindeiras edicións, ao tempo que animaron á organización a facer unha maior divulgación do evento, a través da colocación de pancartas na praia ou reparto de material de mercadotecnia co fin de visibilizar a iniciativa para que máis xente participe.

Mentres, na praia de Panxón, en Nigrán, a trintena de voluntarias e voluntarios que participaron na xornada de limpeza simultánea recolleron 63 quilos de residuos, que foron divididos en bolsas de gran volume, catro con plásticos e cabichas, outras catro con cascallos e metais e outras dúas con cristais e papeis. Por número de obxectos o máis recollido foron, con diferenza, as cabichas, presentes en gran cantidade por toda a praia, sobre todo nas zonas anexas ao paseo marítimo. A maiores, tamén se atoparon cantidades relativamente grandes de cascallos de obra e anecdoticamente tamén se atoparon nasas de pesca semienterradas na area da praia en relativo bo estado. “A valoración por parte dos voluntarios da xornada foi positiva, destacando que se puidese recoller tanto lixo que, a simple vista, non parecía que fose posible xa que a praia aparentaba estar limpa”, sinala Alba Hernández, que confirma que en todos os casos un bo número de participantes amosaron o seu interese en repetir a experiencia en vindeiras convocatorias.

praia6

Fonte: DUVI