"Sustentabilidade en Feminino" pon rostro ás mulleres invisibles que sustentan o mar

1/12/2017
posustentabilidade1

“A xente non sabe das redeiras, pensa que os peixes saltan sos ao barco pola borda”. Esta frase da redeira Sefa Abal serviu á profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires como exemplo dos obxectivos da exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, que desde este xoves pode visitarse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Unha escolma de 40 fotografías, que abranguen desde 1917 ata a actualidade e que poñen rostro a esas “mulleres anónimas” que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar, conforman, xunto coa posta en funcionamento dunha web con diferentes recursos, un proxecto presentado no marco da IV Xornada sobre o Bo Uso e o Mal Uso do Mar.

Traballadoras da salga e da conserva, mariscadoras, regateiras, subasteiras, “mulleres invisibles e invisibilizadas, cuxo traballo foi e segue a ser fundamental para a sustentabilidade do mar”, están presentes, relatou Álvarez Lires, nesta escolma fotográfica, que se completa con dous paneis dedicados ás oceanógrafas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos. Desenvolvido polo grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais que coordina esta docente, coa colaboración do Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar, a Deputación de Pontevedra e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar é o resultado dun “proxecto colectivo”, destinado a “recuperar a memoria de mulleres dedicadas aos oficios do mar no pasado e de darlle voz a aquelas que os desempeñan na actualidade”. Así o salientou a comisaria desta exposición na súa inauguración, na que participaron o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o director do Campus do Mar; Emilio Fernández; o decano da facultade, Vicente Romo; a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín; a concelleira de Educación, Carmen Fouces, a deputada provincial Digna Rivas, e a directora do Museo Massó de Bueu, Covadonga López de Prado.

sustentabilidade en feminino

Unha exposición itinerante e unha web con diferentes recursos

“O mar, os océanos, malia a súa importancia vital para este planeta, e en particular para Galicia, é invisible para a maioría da poboación e tamén para os currículos educativos”, destacou Álvarez Lires na presentación deste proxecto, no que salientaba que, partindo deste contexto, “a sorte das mulleres do mar” non podía ser outra que “a súa invisibilidade por duplicado”. Nese senso, os resultados dun proxecto marcado pola perspectiva de xénero van máis aló dos 28 paneis desta mostra e complétanse cunha web que aborda a historia destes oficios e diversos aspectos relacionados coa sustentabilidade oceánica, na que se integran tamén as diferentes edicións das Xornadas sobre o Bo Uso e Mal Uso do Mar e entrevistas realizadas a traballadoras do mar como Sefa Abal ou a presidenta da agrupación de mariscadoras de Cambados, María Xosé Cacabelos; así como a investigadoras como Géraldine Fauville, da Universidade de Gotemburgo, ou a catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo Elsa Vázquez.

“Educar, investigar e difundir” foron destacados como o “único remedio” para combater ese “anonimato” polo vicerreitor do campus, quen salientou que con esta iniciativa “imos poñer cara e dar voz” a estas mulleres neste acto. Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar trasladarase en xaneiro ao campus de Vigo e en febreiro ao de Ourense, e exhibirase tamén no Museo Massó, de cuxo arquivo proceden un bo número de fotografías. Mais, “esta é unha exposición que temos que levar tamén aos concellos e asociacións”, defendeu Carmela Silva, quen destacou que esta iniciativa “pon en valor o traballo que ao longo dos séculos as mulleres temos achegado ao mar e ao desenvolvemento da humanidade”.

Paneis sustentabilidade

Mulleres de mar en terra firme

Trala presenatción da exposición, Ciencias da Educación e do Deporte acolleu as cuartas Xornadas sobre o Bo Uso e o Mal Uso do Mar, organizadas coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O coordinador da súa sección Ciencia, Natureza e Sociedade, Francisco Díaz Fierros, acompañou a Romo e Álvarez Lires na presentación dunha actividade que a directora do Museo Massó abriu falando “do traballo do mar en terra firme”. Na súa conferencia, Covadonga López de Prado abordou como a “división do traballo en función do xénero do sistema patriarcal dominante” afectou ás comunidades pesqueiras, onde existía “un tabú que prohibía ás mulleres embarcar”. Mais lembrou, os traballos da pesca “prolóngase en terra”, con “tarefas desenvolvidas maioritariamente por mulleres”, nunha estrutura “sustentada na invisibilidade e na explotación do traballo que deriva en marxinalidade e precariedade económica, ausencia de influencia política e social e falta de recoñecemento”, xa que a actividade extractiva, desenvolvida exclusivamente por homes, “considerouse como a única a ter en conta”.

Xa pola tarde, as xornadas continuaron na Casa das Campás cun panel no que participaron Ana García Cabado, da división de seguridade alimentaria de Anfaco-Cecopesca; Rosa Chapela, coordinadora da Área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR; e Sandra Amézaga, secretaria da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa.

Fonte: DUVI