Inglés para investigadores do Campus do Mar

Do 2 ao 6 de xullo de 2012

Con este curso, preténdese que o persoal docente e investigador do Campus do Mar mellore a súa competencia comunicativa en lingua inglesa. Está destinado a todo o PDI vinculado ao Campus do Mar con coñecementos de nivel avanzado na lingua meta. Trátase dun curso intensivo estruturado en sesións matutinas de catro horas cada unha e outras cinco sesións vespertinas de dúas horas e media. Ademais, durante a comida, de hora e media de duración, as persoas participantes poderán manter unha conversa distendida co equipo docente, que integrado exclusivamente por profesorado nativo do Centro de Linguas da Universidade de Vigo.

A metodoloxía empregada estará baseada fundamentalmente na práctica, xa que todas e cada unha das persoas participantes terán a oportunidade de intervir ensaiando e simulando como impartir as súas respectivas materias na lingua meta a través da práctica dos distintos tipos de sesións (clases maxistrais, clases prácticas de laboratorio, ou titorías).

Organiza: Campus do Mar
Duración: 35 horas
Dirixido a: Investigadores/as e docentes pertencentes a centros que forman parte da agrupación de I+D do Campus do Mar
Lugar de celebración: Sala 2 do edificio Miralles do Campus de Vigo
Prezo: 100 euros (inclúe comida os días 2, 3, 4, 5 e 6 de xullo)
Prazas: 14
Inscrición: As prazas para asistir a este curso asignaranse por orde estrita de rexistro. O prazo de inscrición abrirase o mércores 20 de xuño ás 12:00 horas e permanecerá aberto ata que se completen as prazas.

Os interesados en participar deberán completar cos seus datos o formulario dispoñible nesta web e desde o momento en que se lle confirme vía email a preinscrición disporá dun prazo de 48 horas para realizar o abono das taxas. En caso de non realizar o pago no prazo indicado, a praza reservada porase a disposición de posibles interesados en lista de agarda.

Programa:

1-    Introducindo o curso: as presentacións orais.
2-    Indagando no coñecemento: as preguntas.
3-    As novas tecnoloxías: transferindo o coñecemento, procurando información e tratando datos.
4-    Enfrontándonos aos problemas: comprobar que o alumnado recibe e/ou comprende a información, corrixir erros, falar das dificultades técnicas, etc.
5-    Traballando cunha nova ferramenta, o inglés: terminoloxía específica e clases prácticas.
6-    Atendendo ao alumnado: conversas a distancia (teléfono, Skype, etc.) e/ou titorías presenciais.
7-    Compartindo os resultados da investigación: congresos internacionais.
8-    Traballando en grupo: xestión de reunións.

Formulario de inscrición