O Campus do Mar é un proxecto liderado pola Universidade de Vigo e promovido polas tres universidades galegas, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas- CSIC e o Instituto Español de Oceanografía – IEO que aglutina aos axentes socioeconómicos e investigadores da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal relacionados co ámbito mariño, buscando así reunir o maior potencial posible e optimizar os recursos dispoñibles.
Campus do Mar pretende ser o dinamizador dunha rede transfronteiriza e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía, que forme aos mellores profesionais e investigadores no ámbito das Ciencias do Mar nas súas diferentes aplicacións económicas e sociais, que xere investigación de calidade e impacto internacional e que proporcione á industria as mellores ferramentas para mellorar a súa competitividade a escala global.
