'Eidos da Imaxe' traslada as afinidades entre ciencia e arte a un catálogo

10/07/2015
Catálogo da exposición Eidos da Imaxe
Hai un ano inaugurábase no MARCO a exposición Eidos da Imaxe. Grafías dos feitos e do pensamento, unha iniciativa na que tomaban parte medio cento de artistas e científicos da Facultade de Belas Artes e de grupos de investigación da agregación Campus do Mar ao abeiro do proxecto Baliza. A idea era crear un diálogo, un debate sobre as afinidades entre ciencia e arte arredor da imaxe, a imaxe como obra e a imaxe como medio no proceso científico. Agora, un catálogo de 309 páxinas e con textos en galego, castelán e inglés toma a remuda da mostra e perpetúa o debate. O documento retoma as cuestións formuladas e recolle a documentación resultante a través dos textos e imaxes da publicación, tanto no que se refire ás obras artísticas como aos procesos de investigación científica. O catálogo foi presentado en sociedade este xoves no propio Museo de Arte Contemporánea de Vigo, nun acto que contou coa presenza de Mª Asunción Longo, vicerreitora de Investigación; Cayetano Rodríguez, concelleiro da Área de Cultura; Silvia García, decana da Facultade de Belas Artes; Iñaki Martínez, director do MARCO e Alberto Ruíz de Samaniego, comisario da exposición.

catalogo_baliza_presentacion

Un epílogo para Eidos da Imaxe

A mostra Eidos da Imaxe. Grafías dos feitos e do pensamento foi froito da colaboración entre o MARCO e o Campus do Mar a través do Proxecto Baliza desenvolvido na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. A iniciativa formaba forma parte dun programa de internacionalización e a creación de estruturas estables capaces de conxugar o mundo universitario co territorio, a administración cívica, a sociedade civil e o mundo empresarial. A mostra exhibiuse nas salas do 1ª andar do MARCO do 6 de xuño ao 12 de outubro de 2014 e reuniu traballos desenvolvidos por grupos de investigación científica da Universidade, artistas da Facultade de Belas Artes, e varios creadores invitados. Todos eles expoñían nun plano de igualdade os seus procesos de investigación arredor das imaxes, nunha mostra que se definía pola súa versatilidade. En total, medio cento de artistas e científicos que comparten un diálogo no que amosan como a imaxe, a necesidade de ver e de plasmar, é común en ambos mundos. O público visitante puido descubrir e recoñecer unha dimensión estética en moitos dos traballos científicos pero tamén un valor de investigación que poucas veces se ten en conta na creación artística. Así, a mostra permitiu contemplar as afinidades entre distintos campos e territorios de traballo e exploración cuxo nexo de unión era a imaxe.

As propostas que conformaron a exposición e agora se recollen no catálogo divídense en sete seccións: morfografías, xeografías, cronografías, anatomografías, micrografías, macrografías e espectrografías. A publicación recolle, ademais das imaxes e escritos das autoridades implicadas nesta iniciativa, textos de Miguel Copón, artista e investigador; Juan Pimentel, historiador da ciencia no CSIC e Alberto Ruíz de Samaniego, comisario da exposición.

A imaxe, o nexo entre a ciencia e arte

Juan Carlos Meana, decano de Belas Artes durante o período expositivo da mostra, destaca que conxuga obras de artistas docentes da Facultade de Belas Artes con imaxes captadas por científicos/as nos seus procesos de investigación, ademais de pezas de carácter histórico obtidas de diferentes fondos e arquivos. Eidos da Imaxe “pon o centro de atención nun dos puntos esenciais: a conexión entre arte e ciencia como dúas formas de ver un mesmo mundo e que conviven nunha mesma universalidade”. O nexo, segundo Meana, “é a necesidade escópica de ver, de poñer en imaxe aquilo que se percibe, se mide, se intúe e busca con intensidade e perseveranza, xa sexa co rigor da separación, do ir apartando e seccionando para ter un coñecemento dos feitos o menos influenciado posible pola interpretación”.

Pola súa banda, o comisario da exposición Alberto Ruíz de Samaniego, explica no catálogo que o uso do termo ‘eido’ no título da mostra alude “non só á demarcación de campos ou territorios –disciplinas diversas– do saber ou do coñecemento a través das imaxes, senón tamén á valoración e aproveitamento persoal, íntimo que cada suxeito pode concederlle á súa localización nun espazo –da imaxe e do saber pola imaxe–determinado”. Iñaki Martínez, director do MARCO, fixo un balance moi positivo este proxecto expositivo e subliñou que dende o punto de vista institucional, supuxo a posibilidade de establecer un vínculo entre a Universidade e o Museo, entre o ámbito museístico e o mundo académico e científico. “Unha colaboración necesaria na cal se entrecruzan distintas liñas de traballo, investigación e divulgación”, apunta.

O catálogo ten unha edición en papel limitada pero pódese descargar en formato dixital dende as páxinas web da Universidade de Vigo e do MARCO.

Fonte: DUVI